Saturday 11 de May de 2024

O “Outono Cultural” de Oroso abre as súas portas con case duascentas persoas en dúas sesións de maxia e teatro infantís


O programa continúa este venres coa representación de “Mátame que eu non podo” da compañía ATEACO

O Concello de Oroso puxo en marcha esta fin de semana unha edición máis do “Outono Cultural”, un programa cunha trintena de actividades culturais para todos os gustos e idades no centro cultural de Sigüeiro durante os meses de outubro, novembro e decembro. Así, este venres preto dun cento de cativos e os seus pais desfrutaron co espectáculo de maxia cómica “O meu avó é mago”, da compañía Mundo Mandarina. E onte domingo Caramuxo Teatro representou “Feo”, un espectáculo de teatro infantil dirixido a un público familiar e que reuniu a máis de oitenta persoas.

O concelleiro de Cultura, Luís Rey, explica que “reunir a case douscentos veciños e veciñas con dúas actuacións de maxia e teatro infantil é un moi bo comezo, que agardamos refrendar ao longo dos dous próximos meses”. De feito, o teatro volverá ser protagonista do “Outono Cultural” o vindeiro venres 7 de outubro, data na que a compañía ATEACO representará “Mátame que eu non podo”. Unha función dirixida a un público adulto que terá lugar a partir das 21:00 horas.

O teatro é unha das apostas máis importantes no “Outono cultural” deste ano, cun total de cinco pases. Así, o venres 28 de outubro, ás 21:00 horas, a compañía Malasombra presentará o seu espectáculo “DEP”, dirixido a un público de máis de 12 anos. E o domingo 20 de novembro, ás 18:00 horas, Baobab Teatro ofrecerá “Luppo”, dirixido a un público familiar.

Teatro para bebés

Ademais, o Concello de Oroso retomará o sábado 5 de novembro unha das actividades que máis éxito tivo o ano pasado: un espectáculo dirixido a bebés de 0 a 3 anos. Tal e como se comprometera o concelleiro de Cultura, o Concello de Oroso volverá a ofrecer unha actividade dirixida a familias con meniños menores de tres anos. Nesta ocasión será a compañía Babaluva, co seu espectáculo “A alfombra máxica”, quen fará un dobre pase no centro cultural: ás 11:00 e ás 12:00 horas. Participación gratuíta, se ben é preciso anotarse previamente no centro cultural.

A segunda gran cita do “Outono cultural” serán as “Xornadas micolóxicas”, que este ano chegan á súa quinta edición. Terán lugar o sábado 22 de outubro e consistirán en sesións teóricas e prácticas de micoloxía acompañadas por unha cata de cogomelos nun restaurante do municipio.

Completan o “Outono Cultural” deste mes de outubro unha exposición fotográfica da asociación Sahebbi (do 10 ao 24 de outubro) e unha exposición coas obras do XIV Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo (do 28 de outubro ao 13 de novembro). O luns 24 de outubro, a Tropa de Trapo representará “O ritmo do camiño” para conmemorar o Día da Biblioteca e o luns 31 de outubro terá lugar unha gran Festa do Samaín, con animación, obradoiros de maquillaxe e fotomatón. Así mesmo, o Concello organizará unha exposición de cabazas de Samaín, que poderán entregarse os días 28 e 29 de outubro, e un Campamento de Halloween para a conciliación familiar dos días 31 de outubro e 2 de novembro.

Para o mes de novembro, ademais das mencionadas actuacións de Babaluva e Baobab Teatro, o venres 11 de novembro, ás 21:00 horas, Fran Rei e Pedro Brandariz representarán “Bivalvos como galegos”, dirixido a un público aulto. E o sábado 26 de novembro, a partir das 19:30 horas, baile de maiores no centro cultural.

E, como adianto do programa especial de Nadal, o Concello de Oroso volverá convocar o Concurso de Postais de Nadal, o Festival da Gardería Municipal A Ulloa (16 de decembro ás 18:00 horas) e o Festival do CRA (21 de decembro, en horario de mañá).